Galiza: ContraMINAcción convoca manifestación o 2 de xuño para frear a minaría salvaxe promovida pola Xunta

Representantes de varias das organizacións que integran ContraMINAcción ofreceron unha rolda de prensa para anunciar unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas. Fuente: ContraMINAcción

Representantes de varias das organizacións que integran o colectivo ContraMINAcción ofreceron unha rolda de prensa hoxe, 16 de maio, para anunciar unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.

O primeiro en falar foi Xoán Doldán, profesor da USC e presidente da Asociación de Economía Ecolóxica de España, que participou como representante de Véspera de Nada. Doldán advertiu que os proxectos que ContraMINAcción denuncia non afectan só a algunhas parroquias e comarcas, senón que supoñen “un desembarco masivo de empresas transnacionais mineiras, co apoio activo do Goberno Galego, para transformar radicalmente o noso territorio e convertelo nunha mina a ceo aberto”. Tamén advertiu o profesor da USC que se está a promover unha “economía da miseria”, xogándose coa situación crítica pola que atravesan moitas familias ao prometer postos de traballo “que non van existir porque a minaría ten avanzado moito na utilización de maquinaria e na redución de man de obra humana. E iso sen falar da destrución de emprego que provocará en moitos sectores económicos asentados e incompatibles coa explotación mineira da terra. Coa economía da miseria se quere dividir ás comunidades e iso deixará unha herdanza terrible cando as empresas marchen, amais dunha perda patrimonial irreparable”.

Iñaki Varela, da organización ecoloxista Verdegaia, denunciou que, tanto a Xunta como o Goberno do Estado, introduciron cambios lexislativos nos últimos tempos dirixidos a quitar todo tipo de traba á explotación da terra como fornecedora de recursos para empresas privadas: a Lei do Solo ou a de Costas, o plano acuícola, a construción de parques eólicos, ou as Directrices de Ordenación do Territorio estarían nesta liña. E este tipo de explotación só é posible “matando primeiro ao medio rural e botando á xente que o habita para que a Xunta poida cederllo ás grandes empresas extractivas”.

Na mesma liña abondou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que comparou este modelo “depredador do noso medio rural e do noso futuro” coa explotación colonial que sufriron no pasado América Latina e África. Vilalba denunciou que Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta “é esclarecedor, pois permite a instalación de proxectos extractivos e contaminantes en todo o territorio galego —un total de 520 licencias a maiores das que xa están activas—, e autoriza a explotación mineira en espazos até o de agora protexidos polo seu valor ecolóxico ou agrario. Mesmo se fala de dotar de lexitimidade actividades extractivas que non cumpren sequera a lexislación”. A secretaria xeral do SLG criticou a desinformación e as trabas que teñen as persoas afectadas para alegar contra estes proxectos, e chegou a afirmar que “están secuestrando os nosos dereitos democráticos”.

Finalmente, falaron representantes de colectivos que se opoñen aos proxectos mineiros de extracción de feldespato na Limia e de ouro en Corcoesto. Respecto do primeiro, Iván Olmos, da Plataforma Veciñal Corno do Monte, comparou os dez postos de traballo que ofrece a empresa levantina Minecer fronte aos 350 empregos que destruiría a súa actividade na comarca limiá. “Seica representamos só o 0’08% da poboación galega, pero a nosa actividade económica produce 27 millóns de euros ao ano fronte aos 3 millóns que xeraría a extracción de feldespato ao ano no mellor dos casos”.

Pola Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños falou Roi Veres, que chamou a atención sobre a división e enfrontamento veciñal que está a provocar este proxecto. Veres denunciou as ameazas e mentiras que están a padecer os propietarios das terras afectadas por parte da empresa, que pretende mercar os terreos a prezo de saldo. Lola Torrano, de Contramínate Laxe, afondou sobre o impacto medioambiental que tería este proxecto, que supón unha seria ameaza para os recursos pesqueiros, percebeiros e marisqueiros, do mesmo xeito que para os acuíferos, o medio ambiente e a saúde das persoas que viven no entorno.

Finalmente, Isabel Vilaba recordou que se xa son preocupantes e graves as ameazas de Corcoesto e A Limia, cómpre non esquecer que están en trámite licenzas mineiras en todo o territorio galego e en espazos protexidos como A Fonsagrada, Santa Comba, Zas, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Cartelle, Castrelo de Miño, Compostela ou as Fragas do Eume.

Por todo o devandito, dende ContraMINAcción insistiron en animar a toda a cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do 2 de xuño para facer entrar en razón á Xunta de Galicia e deter o espolio do noso territorio que está a piques de ser perpetrado por unhas poucas empresas, o meirande delas estranxeiras.

 

Praza Pública

2 de xuño. Unha manifestación para deter as agresións mineiras en todo o paí

Corcoesto, Xinzo, A Fonsagrada, Santa Comba, Ordes, Cartelle, Terra Chá, Fragas do Eume ou a Serra do Galiñeiro. Son algúns dos concellos ou espazos que neste momento están ameazados por proxectos mineiros, en distinta fases e na procura de distintos materiais. En total hai na actualidade 520 proxectos mineiros activos, e o número vai en aumento polo renovado interese de moitas multinacionais por explotar certos minerais cun prezo crecente, pola falta de traballo que lles serve de argumento ás empresas para presentarse ante a poboación, e sobre todo pola connivencia do Goberno galego, que no seu Plan Sectorial de Actividades Extractivas permite autorizar minas en calquera lugar especialmente protexido.

En total hai na actualidade 520 proxectos mineiros activos, e o número vai en aumento

Por todas estas razóns a plataforma ContraMINAcción convoca unha manifestación galega o domingo 2 de xuño en Compostela, co obxectivo de frear "a expansión da minaría salvaxe" e de concienciar a poboación de que non se trata de problemas locais dunha ou doutra parroquia ou concello, senón que ten dimensión nacional e que pode afectar a calquera lugar de Galicia. Xoán Doldán (Véspera de Nada) denuncia a este respecto que as empresas levan a cabo estratexias de expansión "primeiro comezan a explotación nun lugar, deprimen a economia desa zona, o que facilita a explotación de novas terras e a expansión das minas".

O obxectivo é frear "a expansión da minaría salvaxe" e concienciar a poboación de que non se trata de problemas locais dunha ou doutra parroquia ou concello, senón que ten dimensión nacional e que pode afectar a calquera lugar de Galicia

Todos os colectivos que conforman a plataforma denuncian que a permisividade da Xunta está permitindo "o desembarco masivo de empresas para transformar Galicia nunha mina a ceo aberto", en palabras de Doldán. A pesar dos argumentos empregados por estas corporacións de que levan a cabo "unha minaría moderna, compatible coa protección do medio, o patrimonio cultural e de transcendental relevancia na economía galega", como vén de afirmar a Cámara Oficial Mineira, a visión dos colectivos ecoloxistas e dos sindicatos agrarios é ben distinta. Iñaki Varela (Verdegaia) denuncia que este desembarco está a acelerar "o proceso de morte das zonas rurais" e Isabel Vilalba (secretaria xeral do SLG) alerta de que "se está a expulsar os habitantes das zonas rurais das súas zonas e das súas terras" por culpa de proxectos "que non deixan riqueza nas comarcas que explotan", que "duran poucos anos", pero que "provocan efectos negativos no medio que si permanecen no tempo", segundo lembra o profesor Xoán Doldán.

Todos os colectivos fixeron fincapé na "manipulación" e nas "mentiras" que están lanzando dende as empresas mineiras e dende a propia Xunta

Todos os colectivos fixeron fincapé na "manipulación" e nas "mentiras" que están lanzando dende as empresas mineiras e dende a propia Xunta de Galicia sobre todo no relativo ao potencial conteminante destas minas e ás expectativas de creación de postos de traballo. Este mesmo xoves os socialistas Francisco Caamaño e Patricia Vilán denunciaron o "engano que se agocha tras a oferta de emprego que acompaña á presenza da mina de ouro" e  acusaron a empresa e a Xunta de “xogar coa precariedade laboral existente na comarca” para acadar apoio social á mina de Corcoesto. Tamén Isabel Vilalba lembrou que Alberto Núñez Feijoo prometeu que a mina de Corcoesto crearía 1.400 empregos, cando a propia empresa fala de 270, "que tampouco son reais".

"O problema só remata cando se cambia a lei", conclúe Iván Olmos, "pois aínda que paralicemos un proxecto ou outro, estas empresas poderían retomar as explotacíóns en calquera momento"

Neste senso, Iván Olmos (Plataforma Veciñal Corno do Monte) lembrou que o proxecto da mina de Feldespatos en Xinzo promete a creación de dez empregos, pero provocará a perda de 350 postos de traballo no agro. "Esas terras producen 27 millóns de euros cada ano e o 90% están activas mesmo con xente nova que comeza a dedicarse á agricultura". Pola súa banda, Roi Veres (Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños) denunciou que os veciños das zonas afectadas contan con moi pouca información "apenas se avisa os propietarios da autorización das explotacións, e nas expropiacións a empresa está ofrecendo 1,2 euros por metro cadrado por terras que se compran e se venden habitualmente por 7 ou 12 euros". Por este motivo, Veres animou os veciños das zonas ás que se vén de estender o proxecto de Edgewater a "informarse e presentar alegacións" pois "os Concellos non se enteran ou non queren enterarse. "Unha vez que están instalados é máis dificil botalos", resume Roi Veres. "O problema só remata cando se cambia a lei", conclúe Iván Olmos, "pois aínda que paralicemos un proxecto ou outro, estas empresas poderían retomar as explotacíóns en calquera momento".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.



ContraMINAcción